Premio Altofalante do Ano.
A Asociación Cultural Altofalante de Ribeira crea o premio Altofalante do ano para recoñecer con el o especial labor na defensa, promoción e difusión do noso país e da nosa cultura por parte das persoas ou entidades concretas. Deste xeito, a partir deste ano 2006 concederáselle anualmente o Altofalante do ano a unha persoa ou entidade que destaque por defender promocionar e difundir a nosa cultura ou algún aspecto concreto dela para así recoñecer e apoiar o seu labor e contribuír a que este continúe. O premio consiste no recoñecemento público, na difusión do traballo da persoa ou entidade galardoada e nun altofalante de man que se lle entregará ao/á galardoado/a na cea anual da asociación para que poida seguir alzando a súa voz na defensa, promoción e difusión do noso país. Ademais os galardoados seran nomeados Socios de Honra de Altofalante entregándolles o diploma acreditativo. O nome do premiado ou premiada darase a coñecer sempre o 13 de novembro, Día da Dignidade.
Altofalante do 2008 a C.R.M.H da Coruña.
Logo da deliberación dos seus socios e socias a Asociación Cultural Altofalante acorda:
Distinguir co seu galardón anual Altofalante do ano 2008 á Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña polas seguintes razóns:
Por ser quen de recuperar a memoria, a dignidade e o lugar que lles corresponde na historia do noso país a moitas e moitos loitadores pola liberdade. Por mostrar o recoñecemento ao sufrimento das familias das víctimas rachando a pesada lousa de silenzo e esquecemento.
Por limpar as nosas rúas e institucións, tamén moitas mentes, do lixo e da parafernalia fascista. Por ser o núcleo, a fonte a que podemos acudir todas as asociacións que loitamos pola rehabilitación de todas as víctimas do fascismo.
Porque todo o fan con respecto, sen revanchismo e pacificamente dignificando coa vosa actitude, aínda máis se cabe, ao xeneroso pobo galego.
A entrega do premio a Manuel Monge, Presidente da C.R.M.H.da Coruña, farase efectiva no transcurso dunha cea o vindeiro sábado 22 de novembro en Ribeira.
Así mesmo por acordo da Asemblea Xeral da Asociación Cultural Altofalante, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña será nomeada “socio de honra” de dita asociación.
A Asociación Cultural Altofalante fai público o fallo deste premio o día 13 de Novembro, día da dignidade de Galiza.
Asinado: Xosé Vázquez Cobas, presidente de Altofalante
Páxina web da Comisión para a Recuperación da Memoria Historica da Coruña: http://www.memoriadacoruna.com
Altofalante do ano 2007 para a Plataforma polo Ensino en Galego.
Logo da deliberación dos seus socios e socias a Asociación Cultural Altofalante acorda:
Distinguir co seu galardón anual Altofalante do ano 2007 a Plataforma polo Ensino en Galego
Por ser quen de facer fronte común para a defensa do uso da lingua propia do noso país como lingua vehicular no noso ensino e pola defensa do cumprimento da lexislación lingüística máis alá de diferenzas ideolóxicas e fronte aos ataques contra un ensino en lingua galega por parte de distintos colectivos antigalegos minoritarios apoiados a última hora polo Partido Popular, que rompeu o consenso que supuxo o Plan xeral de normalización da lingua galega que se aprobou por unanimidade en 2004 e que foi impulsado polo propio PP. As organizacións máis representativas do conxunto da comunidade educativa uníronse para a defensa da galeguización do ensino e impulsaron un manifesto en defensa do dereito á escolarización na lingua propia de Galiza. Son a confederación de asociacións de nais e pais, os sindicatos que representan o 90% do profesorado galego, a federación de escolas católicas concertadas, organizacións estudantís, de nais e pais, de renovación pedagóxica, etc. Isto é, todos os sectores do ensino apoiando a súa galeguización. As organizacións que forman parte desta plataforma son:
• A Mesa pola Normalización Lingüística
• AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega)
• CAE (Comités Abertos de Estudantes)
• CCOO-Ensino (Comisións Obreiras)
• CIG-Ensino (Confederación Intersindical Galega)
• CONFAPA (Confederación Galega de APAs de centros públicos)
• FERE-CECA (Federación Española de Relixiosos de Ensino - Centros Católicos)
• FETE-UXT (Federación de Traballadores do Ensino - Unión Xeral de Traballadores)
• FSIE (Federación de Sindicatos Independentes do Ensino)
• Mocidade pola Normalización Lingüística
• Nais e Pais polo Ensino en Galego
• NEG (Nova Escola Galega)
• SE (Sindicato de Estudantes)
• STEG (Sindicato de Traballadoras/es do Ensino de Galiza).
A entrega do premio fixose efectiva no transcurso dunha cea o sábado 1 de decembro en Ribeira. A Asociación Cultural Altofalante fixo público o fallo deste premio o día 13 de Novembro, Día da Dignidade de Galiza.
Paxina web da Mesa pola Nornalización Lingüística:



