Entrevista ó Presidente de Altofalante en Certo.

Xosé Antonio Vázquez Cobas, presidente de “Altofalante”
“A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica leva anost raballando e loitando por facer un país mellor, de xente máis libre,máis culta, máis coñecedora da súa historia”
Premio Altofalante 2008: que méritos atoparon na Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña?
Na acta do premio xa se daban algunhas razóns que non vou a repetir aquí pero si que podo engadir algo. Levan anos traballando e loitando por facer un país mellor, de xente máis libre, máis culta, máis coñecedora da súa historia. Creo sinceramente que nos axudan a todos a ser máis dignos, cómo senón podemos desexar todo iso para nós e os nosos fillos, se temos as leiras e as gavias das estradas cheas de cadáveres…non deberíamos esquecer que 4.396 persoas morreron vítimas da represión franquista entre 1.936 e 1.939 só en Galiza e aínda quedan os descoñecidos…
Xusto este 13 de novembro Amnistía Internacional dí que España investiga crimes e xenocidios doutras partes do mundo e cala e non fai nada sobre os seus…Segue a facer falta arranxar e pechar o franquismo?
Pois ten razón Amnistía Internacional. As tres universidades galegas documentan no seu estudo “As Vítimas e os Nomes” 14.643 represaliados polo franquismo en Galiza. O xuíz Baltasar Garzón documenta caseque 115.000 desa-parecidos no Estado Español e constátase que hai máis desaparecidos aquí que nos últimos 40 anos en toda América Latina. Esto explícase soamente cunha práctica represiva. Non valen as explicacións do tipo guerra civil fratricida. En Galiza non houbo guerra (caeu rápido), non houbo a violencia dos dous bandos defendida polo franquismo, senón un plan de exterminio dos que eles consideraban os seus inimigos. Na transición para buscar o consenso, aceptáse este discurso das culpas compartidas, porque nos vén ben… É unha memoria acomodaticia e fácil de dixerir: esquece a complicidade, non só foi culpa do que mataba, tamén foi responsabilidade do conxunto da sociedade, que non fixo ou non quixo facer nada por evitalo. Esto explícao moi ben no seu ensaio O que fixemos en Galicia o historiador Antonio Míguez. A maioría calou ou se beneficiou. Van aló setenta anos e a ferida nunca se pechou, só cicatrizará coa verdade. Hai que apoiar ao xuíz Baltasar Garzón que é un experto mundial no tema… e basta xa de cinismo e hipocrisía
.
O 13N, aniversario da catastrofe do Presige, din que é o “Día da Dignidade”, pero non é oficial…hai posibilidades de que o sexa?
O 13N xa é oficial na cabeza e no corazón da xente. A sociedade civil, a xente do común, non esquece tan facilmente. As dificultades unen moito. Decatámonos de que a nosa terra, a nosa calidade de vida corría perigo e non estaba en boas mans. Entón reaccionamos, como adoitamos facelo os galegos, traballando co que tiñamos, as mans, a imaxinación… dando un exemplo de dignidade. Foi o comenzo, o final está por ver.
Seguimos cos”días D”: que é para vostede o 20N?
Como o 21, un precioso día de outono.
Cre que Fraga celebra máis o 20N ou o 23N -data do seu nacemento-?
Está en idade de celebrar calquera cousa. Se o deixamos celebra e incluso inaugura esta entrevista… Mellor que celebre cumpreanos.
Manuel Monge, presidente da CRMH da Coruña, foi concelleiro do BNG. Altofalante tamén está na órbita deste partido: os premios só se dan aos amigos?
En Altofalante sempre imos coa verdade por diante. Cando chega un novo socio/a dámoslle unha copia dos estatutos da asociación e no artigo 2º entre outras cousas di:
- É fin principal da asociación a dinamización social, cultural e lingüistica de Galiza.
- Promover, difundir e contribuir á creación da cultura de Galiza nas súas diferentes manifestacións: literarias, plásticas, musicais, audiovisuais, etc.
- Contribuir á idea de que Galiza é unha nación e está orgullosa de selo.
- Formar e educar nos valores da democracia, da paz, da participación, da igualdade de xénero e respecto pola diferencia…
Son conceptos transversais. Atravesan todos os espazos políticos menos un: o da dereita extrema, a mesma que confunde “Unidade” con “Uniformidade” e van da man reaccionarios, sectarios xunto cos xacobinos pseudo-progresistas. A min paréceme que hai moito de autoodio e complexos varios. Adoitan dicir: “Nosostros somos ciudadanos del mundo”, como se os demáis fosemos extraterrestres…
Con respecto á órbita, eu diría órbitas: Altofalante é galego, é do tempo no que vivimos, é altofalante e faise oír.
Non teño o pracer de coñecer a Manuel Monge, espero velo pronto. Seguramente el mereza o Altofalante do Ano pero, nesta ocasion non é para el, é para a C.R.M.H. da Coruña á que el tan dignamente representa. No ano anterior foi para a Plataforma polo Ensino en Galego que formaban catorce entidades, entre elas sete sindicatos.

“Como é posible que en Ribeira teñamos rúas con nomes de ditadores sanguinarios .Nada máis e nada menos que a principal rúa comercial da cidade”
Pídenlle ao alcalde de Ribeira que retire os símbolos franquistas, que cumpra a lei: neste país só cumpre a lei a quen non lle queda máis remedio? Doutro xeito: fanse as leis só para a galería?
O alcalde, ao igual que outras autoridades, di aos cidadáns que cumpramos a lei. Pois ben, que dé el exemplo, que sexa o primeiro en cumprila. Como é posible que en Ribeira teñamos rúas con nomes de ditadores sanguinarios? Nada máis e nada menos que a principal rúa comercial da cidade. É inexplicábel e doloroso. Un insulto ás vítimas, ás súas familias e a todos os demócratas de Ribeira.
A verdade é que Ribeira non tivo sorte cos políticos conservadores da cidade. Levan moito tempo na alcaldía, vai para vinte anos, pero a cidade non vai avante. Agora enredan en guerriñas coa Xunta, coa Deputación, con Portos… enlodando o campo para que ninguén xogue. O alcalde é capitán pero o barco non pesca, porque el adícase a “enlear o palangre” no canto de traballar para a cidade e os cidadáns. Que cumpra a lei. Sería triste que fora a xustiza a que o obrigara a cumprila.
Logo da marcha de Luís Teira de Altofalante a actividade desta asociación diminuíu. Como novo presidente: quedoulle o listón moi alto?
Luís Teira é un referente nesta cidade, somos amigos e non se foi de Altofalante, non sei quen dixo tal. Deixou a presidencia a mediados de outubro pero segue na directiva de vocal. Claro que diminuíu, normal, levabamos un ritmo agotador. El ten outras responsabilidades no Concello que lle absorben moito tempo, porque cando fai unha cousa faina a conciencia, por iso teño o listón moi alto. Pero somos un bo equipo.
Cales son os proxectos a curto prazo de Altofalante?
Agora mesmo está fervendo o Altofalante do Ano, despois a finais de mes A Xornada Micolóxica, e é posíbel que antes de rematar o ano aínda teñamos algunha actividade máis. Ás veces temos que botar o freo…porque hai unha serie de actividades fixas que facer: A muiñada de Amendo, a 2ª parte do libro de Memorias de Ribeira, algún Falando a Modo… Todo temos que compaxinalo coa nosa vida cotián e ás veces non é fácil…
Seguro que nos ten que contar algo importante e non acertamos a preguntarllo: que é?
É moi importante dar as grazas aos socios, a toda a xente que participa e colabora nas actividades que organizamos e tamén a Certo e aos outros medios que as difunden.
Entrevista realizada por Certo Xornal da Barbanza.