Nela participan inicialmente máis de 40 entidades sociais de todo tipo, xunto con persoas a título individual
Nace coa vontade de presentar unha ILP “para garantir os dereitos lingüísticos”, que se dará a coñecer en setembro
A plataforma tamén prepara unha gran manifestación en defensa da lingua para o outono en Santiago
Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2009.- O pasado 14 de xullo ficou formalmente constituída no Museo do Pobo Galego a plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO, a partir dun grupo inicial formado por máis de 40 entidades sociais tanto de ámbito nacional como de ámbito local e comarcal, así como de persoas a título individual que se quixeron sumar á mesma.
Entre as entidades de carácter nacional que fan parte da plataforma neste seu momento constituínte están A Mesa, a CIG, o BNG, Esquerda Unida, o Sindicato Labrego Galego, os Comités, Galiza Nova, AS-PG, ADEGA, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Coordinadora de Traballadoras/es de Normalización Lingüística ou as fundacións Castelao e Pedrón de Ouro. Entre as de ámbito local figura a Asociación Cultural Altofalante de Ribeira .Con todo, QUEREMOS GALEGO prevé que “nun breve prazo” sexan moitas máis as entidades e persoas que se vaian sumando, dado “o interese” que, segundo indican, espertou a iniciativa, nun momento caracterizado “polos profundos e continuos ataques que está a padecer a nosa cultura”.
Esta plataforma cidadá nace coa pretensión de unir persoas, colectivos e institucións da máis diversa natureza baixo tres premisas básicas:
1.- A lingua galega é patrimonio e ferramenta de comunicación do pobo galego, e as institucións públicas teñen a responsabilidade e obriga de protexela e promocionala.
2.- A normalización lingüística ten que ser un proceso progresivo, polo que desde as institucións públicas non se poden tomar medidas que desprotexan ou reduzan a presenza do galego en ningún ámbito.
3.- Os acordos asinados por todos só poden ser substituídos por acordos asinados por todos, e o consenso para a lingua galega está no fixado no Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2004, así como na Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, ratificado por unanimidade polo Congreso en 2001.