“QUEREMOS GALEGO na Barbanza” como plataforma cívica

Entre os asistentes, políticos, profesores, activistas sociais e algún veciño de a pé
Ribeira, 5 de outubro de 2009. Como se anunciara, o pasado 3 de outubro quedou conformada a nova plataforma cidadá “Queremos Galego na Barbanza”. A cita, histórica para algúns, tivo lugar no colexio “O Grupo” de Ribeira.

Os asistentes recibiron un documento onde se recolle o que pretende a Plataforma Queremos Galego e tamén copia da Iniciativa Lexislativa Popular que promove a Plataforma. Explicóuselles a necesidade de formar unha organización mínima para desenvolver as actividades na comarca. Acórdase distinguir tres planos:
1) O Plenario. Do que fan parte con voz e voto todas as entidades e persoas adheridas a plataforma
2) Portavoces da comarca. A súa función principal é a de ser a cara pública da Plataforma na comarca. Acórdanse pór en riba da mesa os criterios de relevancia pública e pertencer ao ámbito da cultura.
3) Membros dunha executiva. A súa función fundamental sería a de facer traballo organizativo e loxístico. Acórdase que haxa persoas dos 4 concellos (Rianxo, Boiro, Pobra e Ribeira).
Quico Cadaval
Como portavoces da comarca escolleuse a Quico Cadaval (dramaturgo e actor de Ribeira), Sonia Lebedinsky (cantante de Boiro) e Carlos Mosteiro (mestre e escritor de Pobra).
Carlos Mosteiro
Aínda que as dúas primeiras persoas non estaban presentes, confirmaron telefonicamente no transcurso da xuntanza a súa disposición para cumprir estas funcións.
Sonia Lebedynsky
En canto aos membros da executiva, foron escollidos por localidades. Quedaron os da Asociación Cultural Altofalante, de Ribeira; Suso Laíño; Carlos Mosteiro, Ismael Pérez, Vicente Hermo, Henrique Ouviña e Anxos Castro. Acordouse que calquera persoa interesada poida formar parte tanto dos portavoces como da executiva por localidades cando así o desexe.

Quedaron tamén en alugar un autobús, ou varios se fixera falla, para acudir á manifestación para apoiar a Lingua Galega o vindeiro 18 de outubro. Delegouse na executiva para organizar a loxística. Falouse tamén de promover a Plataforma ante todos os colectivos posibles para que se poidan sumar máis persoas e colectivos á Plataforma “Queremos galego na Barbanza”.

Imaxe de facianas elaborado polo programa Picasa de Google sobre fotos da reunión
——————————-
A plataforma cívica “Queremos Galego na Barbanza”
preséntase este sábado en Ribeira

Cartel en Aturuxo! (Boiro) baseado nunha frase dun poema de Sechu Sende
Barbanza, 30 de setembro de 2009. O sábado día 3 de outubro ás sete da tarde no colexio O Grupo de Ribeira preséntase a plataforma cívica “Queremos galego na Barbanza”.
Na súa carta de convocatoria, os promotores desta iniciativa a prol do galego diríxense “a esa inmensa maioría de galegos e galegas que queren o seu idioma, que o consideran un dos nosos máis valiosos patrimonios e sinais colectivos, por riba de afiliacións ou mesmo da lingua que empreguen para comunicarse no día a día”.

A primeira reunión será no colexio ribeirense “O Grupo” .
Un dos voceiros de “Queremos Galego” é o cantante e polígrafo Xurxo Souto, que busca “recuperar o pulso e o poder da palabra”. Con esta iniciativa convocan ” ás persoas e entidades que entenden o galego como un idioma a querer… Co convencemento de que querer ó galego é querernos a nós mesmos e ó noso futuro”.
Segundo os convocantes, as tres premisas básicas da plataforma cívica “Queremos galego na Barbanza” son:
1.- A lingua galega é patrimonio e ferramenta de comunicación do pobo galego, e as institucións públicas teñen a responsabilidade e obriga de protexela e promocionala.
2.- A normalización lingüística ten que ser un proceso progresivo, polo que desde as institucións públicas non se poden tomar medidas que desprotexan ou reduzan a presenza do galego en ningún ámbito.
3.- Os acordos asinados por todos só poden ser substituídos por acordos asinados por todos, e o consenso para a lingua galega está no fixado no Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2004, así como na Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, ratificado por unanimidade polo Congreso en 2001.